Tuesday 07 de May de 2024

O III Plan de Igualdade de Riveira favorecerá as políticas transversais entre as distintas áreas e servizos municipais do concello


 

Un dos puntos máis significativos de cantos van compoñer a orde do día no pleno da Corporación do vindeiro luns constitúeo a aprobación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres do do Concello de Riveira.

Os distintos grupos municipais e o propio alcalde tiveron onte unha toma de contacto con este documento coa súa presentación por parte da entidade encargada da súa redactora, Senes, e da directora do CIM, Dolores Crujeiras.

O III Plan de Igualdade concíbese como un instrumento de planificación estratéxica e marco de referencia básico do Concello e materia de igualdade de xénero durante o período comprendido entre os anos 2018 e 2013.

A este respecto, cómpre lembrar que o I PIOM foi elaborado no ano 2006 erixíndose en punto de partido para desenvolver as políticas de xénero no ámbito municipal nun momento en que estas políticas xa estaban a entrar nas axendas políticas locais. O II PIOM, datado en 2011, partiu da propia avaliación do primeiro para incorporar novidades tales como a introdución da xestión transversal de xénero nas políticas e recursos municipais.

Participativo
Agora o Concello encara un III PIOM elaborado despois de que tivera lugar un proceso participativo aberto nas diferentes áreas, departamentos técnicos, servizos municipais, axentes socioeconómicos, entidades sociais e tamén dando voz a toda a cidadanía por medio da celebración de enquisas.

O III PIOM estrutúrase sobre dous piares: por un lado, a posta en marcha de accións positivas que contribúan a erradicar a discriminación e as desigualdades sociais que aínda sofren as mulleres e, por outro, o desenvolvemento dunha política transversal de igualdade de xénero en todas as áreas, departamentos e servizos municipais e en todos os procesos de xestión municipal.

Para isto, concíbense oito áreas estratéxicas:

1. Administración e coordinación institucional
2. Atención ás violencias de xénero
3. Empoderamento e participación social das mulleres
4. Educación en igualdade
5. Conciliación e corresponsabilidade
6. Formación e emprego
7. Benestar social
8. Cultura, deporte, turismo e lecer

Cada área estratéxica entraña unha serie de obxectivos estratéxicos e outros operativos definindo metas e medidas concretas que leven a acadar o que se persegue.

Ademais, o documento establece catro obxectivos xerais e 21 específicos. Tocante aos xerais, estes son:

• Consolidar o compromiso do Concello de Riveira coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
• Eliminar e/ou corrixir as situacións de desigualdade detectadas na diagnose de xénero.
• Facer partícipes activos no desenvolvemento a todo o persoal técnicos e político municipal.
• Por último, perfilar unha estratexia tanto para a continuidade, como para a posta en marcha de medidas que garantan cambios estruturais e permanentes no tempo, promovendo un desenvolvemento social desde os principios de igualdade, solidariedade e xustiza.

Formación
Durante a reunión de hoxe incidiuse na necesidade desenvolver actividades de formación orientadas a quen van poñer en marcha este plan, incluíndo non só os traballadores do Concello senón tamén os propios representantes políticos.